
Fase Galega do Lanzamento CANSAT
Ciencia e enxeñaría desde as aulas: así foi o CanSat no noso IES
Hoxe, 21 de abril, o noso instituto viviu unha xornada moi especial coa participación na fase galega do proxecto CanSat, unha iniciativa que achega o alumnado ao mundo da enxeñaría aeroespacial.
Dende o IES presentamos tres equipos: Barreiros, Team Wason e Los Tiesos, todos eles cos seus respectivos CanSat e misións secundarias deseñadas e desenvolvidas polo alumnado de 4º da ESO dende a asignatura de Intelixencia Artificial.
O equipo Barreiros conseguiu situarse entre os seis mellores proxectos da competición, obtendo ademáis o premio á mellor misión científica. A súa proposta consistiu no deseño dun escudo térmico para o envío de sementes, co obxectivo de estudar o seu comportamento en condicións similares ás do espazo.
Pola súa banda, Team Wason centrou o seu traballo na análise da radiación ultravioleta durante o descenso do CanSat, achegando datos relevantes sobre a variación deste tipo de radiación en función da altitude.
O equipo Los Tiesos desenvolveu unha misión orixinal baseada na emisión dun sinal sonoro vinculado aos cambios de temperatura, ademais de realizar un estudo sobre a potencia do sinal de radio ao longo do descenso do dispositivo.
Queremos felicitar a todos os equipos polo seu esforzo, creatividade e compromiso.
https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49628

















