
Visita ao aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro
O Mércores 17 de decembro o alumnado dos ciclos de Instalacións Térmicas e Mecatrónica Industrial, acompañados por unha delegación de profesorado fixo unha visita técnica ás instalacións do aeroporto de Santiago - Rosalía de Castro.
A empresa AENA propietaria e responsable das instalacións ven de crear un programa de proxección externa a través duns embaixadores de marca que pretende dar a coñecer a funcionalidade e servizos prestados nas súas instalacións. Dende o IES Universidade Laboral fixémonos partícipes da idea resaltando a importancia que ten para o alumnado coñecer o tecido produtivo, e fomos os encargados de inaugurar o ciclo de visitas.
A delegación foi recibida por Jesúa Manuel Vázquez Técnico de Enxeñaría e Mantemento de AENA e Óscar responsable da empresa URBIA-TRALEMSA que desempeña labores de mantemento nas instalacións do aeroporto.
Esta instalación aeroportuaria está inmersa nun plan de AENA para dispoñer de aeroportos totalmente sostibles e que non dependan de enerxías contaminantes. Neste momento atópase no primeiro nivel de certificación ACA cunha perspectiva de subir varios niveis no horizonte do 2030.
Neste contexto o alumnado e o equipo docente puido coñecer os sistemas de climatización e as liñas de actuación futuras para a súa transformación nos próximos anos cun ambicioso plan de incorporación de Enerxía Xeotérmica para o 2027. Este tipo de actuacións de transformación renovable enlaza moi ben con varios proxectos lanzados dende o Departamento de Instalación e Mantemento nos que se están deseñando sistemas de climatización totalmente autónomos en base a enerxías totalmente verdes.
Destacar a importancia da visita pola tipoloxía e maquinaria das instalación e por poder intercambiar ideas e visións de operación nos modelos de sistemas totalmente verdes e sostibles.














